
Ao polígono industrial de Bértoa, en Carballo, queda moi pouco chan á venda. Esta semana, Xestur adxudicaba outras parcelas, nun total de 3.967 metros cadrados, sempre co desconto do 50 % no prezo final. Segundo a relación que figura na web de Xestur, só hai agora cinco parcelas máis para a venda directa, a maiores doutras dúas que están en pleno proceso de transformación xurídica para o seu uso mixto comercial-industrial, e que chegado o caso mesmo poderían venderse de maneira unitaria. O industrial terá moita máis saída que o meramente comercial. Tamén hai outra máis prevista para dotacións municipais.
O cinco que están á venda varían entre os menos de mil metros cadrados dunha, os máis de 7.200 doutra, e os 4.274 do tres restantes, e con prezos no metro cadrado que vai dos 35,99 aos 45,97 euros, sempre coa bonificación da metade o total.
Esa situación prodúcese ao dez anos xustos de que comezase o proceso de solicitude de licenzas no polígono. En outubro do 2011, a oficina técnica municipal xa tramitaba cinco proxectos, que tardaron aínda bastante en consolidarse. De feito, houbo un longo camiño que percorrer para vender as 128 parcelas nas que en total está dividido este parque de 718.482 metros cadrados en total, cuxas parcelas suman 458.619.
O arranque definitivo nas transaccións produciuse a finais do 2015, cando se puxeron en marcha as rebaixas do 50 % en todas as vendas, ademais (máis tarde) a posibilidade de compra co dereito de superficie. Esta opción, moi vantaxosa, non tivo o éxito da modalidade de compra directa. Permite pagar pequenas cantidades os primeiros anos. No caso de Carballo, facerse cunha é posible desde 1,14 euros o metro cadrado o primeiro ano; 1,90 o segundo, e 2,66 euros o terceiro, en relación ao canon anual que hai que desembolsar antes do pago definitivo. Obviamente, había e hai diferenzas segundo superficie e uso, na actualidade menos relevantes dada a escaseza. Hai meses, cunha vintena aínda en carteira, as opcións eran moi superiores.
A ampliación do polígono, longamente pedida polo goberno local, a corporación e os empresarios, está en marcha, de momento só en trámites, que non son rápidos. «Temos solicitada unha reunión co delegado provincial da Xunta para tratar varios temas pendentes con distintos departamentos autonómicos, e entre eles trasladar a necesidade de acelerar os prazos desa terceira fase», indicaron onte desde a comunidade de propietarios do parque. Terceira na realidade, e segunda na práctica, xa que a primeira foi de iniciativa privada e a segunda, pública.
FONTE; La Voz de Galicia