Medio Ambiente traslada ao sector empresarial os últimos avances para concretar a ampliación do Parque Tecnolóxico de San Cibrao

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta mañá con representantes da Asociación de Empresarios Polígono de San Cibrao para trasladarlles os últimos avances realizados polo Goberno galego para concretar a ampliación do Parque Tecnolóxico localizado neste municipio ourensán. Catro meses despois da visita a San Cibrao do presidente da Xunta na que anunciou a intención de desenvolver e urbanizar a segunda fase do Parque Tecnolóxico para poñer a disposición das empresas interesadas máis de 370.000 metros cadrados, a conselleira incidiu na necesidade de impulsar unha ampliación que responde, segundo dixo, á demanda de solo que tanto as firmas asentadas no polígono como o propio Concello de San Cibrao veñen expoñendo.

Ao respecto, a conselleira de Medio Ambiente explicou que o primeiro paso necesario será asinar o protocolo de colaboración entre o Parque Tecnolóxico, o Concello e Xestur, en virtude do cal este organismo público se converterá en promotor e poderá, por tanto, urbanizar e vender posteriormente os terreos. Este documento xa foi redactado e, segundo dixo, está previsto que nos vindeiros días se eleve ante o Consello de Administración do PT. Pola súa parte, o parque continuará coa inscrición no rexistro da propiedade das parcelas pendentes e de forma paralela, a Consellería avanzará en tres direccións: na revisión da situación urbanística do solo urbanizado; no estudo das posibles modificacións do plan parcial para adaptalo ao plan sectorial da rede viaria de Ourense e tamén do proxecto de urbanización co fin de tentar abaratar custos; e na análise da conexión viaria co novo parque empresarial de Paderne de Allariz, localizado nas inmediacións.

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2020-03-03 09:45:00
Subir