Medio Ambiente creará un grupo de traballo co obxectivo de impulsar a terceira fase do polígono empresarial de Ribadavia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará cales son as posibles alternativas para levar a cabo a terceira fase do polígono empresarial de Ribadavia (Ourense), unha área industrial promovida no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e cuxas fases unha e dúas xa están completamente executadas. Así llo trasladou a conselleira Ángeles Vázquez ao alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández, con quen mantivo unha reunión de traballo para tratar varios asuntos de interese municipal relacionados con áreas da súa competencia.

Para poder continuar co desenvolvemento do parque, Vázquez Mejuto acordou co rexedor constituír un grupo de traballo que analice as posibilidades de urbanización desta área e busque a solución máis axeitada para desbloquear e impulsar a execución da súa terceira fase, prevista xa no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Esta foi a principal demanda que lle trasladou á conselleira o alcalde de Ribadavia, quen incidiu na necesidade de que o concello poida contar a futuro con máis solo empresarial a través da execución dunha nova fase no polígono, tendo en conta que é a única área industrial que hai no municipio e que nas dúas fases xa executadas non queda nestes momentos ningunha parcela dispoñible.

Fonte.- Xunta de Galicia
 

Fecha publicacion: 
2019-07-08 12:15:00
Subir