
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta mañá cun grupo de empresarios interesados en adquirir solo industrial no concello lucense de Palas de Rei para trasladarlles os últimos avances e pasos realizados desde a Xunta co fin de darlle o pulo definitivo á ampliación do parque empresarial deste municipio.
A este respecto, a responsable do Goberno galego avanzoulles que antes de que remate este mes está previsto contratar a redacción do proxecto sectorial, primeiro paso para poder desenvolver o novo ámbito xa que nel se establecerá o ordenamento detallado do mesmo e permitirá iniciar a adquisición do solo necesario para a ampliación.
No transcurso da xuntanza, na que tamén participou o alcalde de Palas, os representantes das empresas lembraron que as dúas fases existentes do único parque do municipio –ambas promovidas polo IGVS e que suman preto de 50.000 metros cadrados de superficie destinada a parcelas- están xa vendidas na súa totalidade, polo que non hai opción de adquirir máis solo por parte das empresas interesadas.
Por este motivo, a conselleira explicou que na modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta en novembro de 2018, decidiuse incluír a execución dunha terceira fase no parque empresarial de Palas de Rei, cunha superficie total prevista de 42.280,56 metros cadrados.
Fonte: Xunta de Galicia