
Son moitos os municipios galegos que ven a necesidade de crear un polígono industrial para centralizar alí potentes empresas. Un deles é o parque empresarial de Bértoa (Carballo). Desde que se xestou a principios dos anos 70, foi crecendo de forma progresiva até na actualidade superar as 200 empresas instaladas.
Naquel momento, os empresarios detectaron que era imprescindible facer unha zona industrial onde poder desenvolver a súa actividade coas comodidades pertinentes. Desta maneira, constituíuse unha Asociación Sindical e empezáronse a adquirir os terreos onde está agora o Polígono. Este proceso xunto ao de urbanización prolongouse durante sucesivos anos ata que finalmente inaugurouse en 1990.
"O polígono naceu froito do asociacionismo empresarial e do investimento privado", afirma Pablo Rodríguez Gómez, xerente do Polígono de Carballo desde xuño de 2018.
No ano 1991 constituíuse a Comunidade de Propietarios do Polígono de Carballo, que pasa a ser a entidade responsable da defensa das necesidades da área empresarial ante as distintas Administracións Públicas, así como do correcto funcionamento diario da zona industrial dando resposta ás demandas dos seus usuarios.
Anos máis tarde, en 2012, a comunidade de propietarios impulsou a creación da Asociación de Empresarios do Polígono de Carballo para desde ela ofrecer novos servizos e optar a subvencións públicas orientadas ao financiamiento de actividades de dinamización económica e programas formativos.
Cunha superficie superior aos 1.200.000 metros cadrados é un dos polígonos industriais con maior tamaño de Galicia. Durante moito tempo foron moi poucas as empresas que estaban asentadas nel. Na década do noventa roldaban as 20 e actualmente xa se exceden as 200, o que supón uns 1.750 postos de traballo directos. Por número de empresas que se dedican á actividade e por nivel de facturación, destacan os sectores da construción e o transporte, seguidos da industria química.
Hai múltiples aspectos que benefician a posta en marcha da actividade dunha compañía no parque industrial. Nun primeiro lugar, a empresa que se instale en Bértoa atoparase cunha rede ampla de provedores e clientes que axudarán a crear sinerxías. Á hora de comprar unha parcela haberá axudas. "A segunda fase do polígono foi desenvolvida por Xestur no seu día e actualmente hai unha política de bonificación dos prezos dos terreos dun 50%. Ademais, os impostos municipais están bonificados até o 95%", explica o xerente.
SEGUIR LENDO: El Correo Gallego