Luz verde á segunda ampliación do polígono carballés de Bértoa

A área industrial de Bértoa, en Carballo, é, sen dúbida, unha das que máis crece cada ano na comunidade galega. Sucedeu xa a finais da dura crise economía do 2008 e continúa polos mesmos camiños agora, en plena pandemia provocada polo covid, con cinco novas parcelas (12.000 metros cadrados) vendidas a empresas pertencentes aos sectores da madeira, o metal e a loxística. A data de hoxe, a Xunta de Galicia só ten pendente de adxudicación once parcelas, que representan menos do 20 % do total do chan dedicado a uso industrial.

Con estes excelentes algarismos, os empresarios de Bértoa e o Concello de Carballo levaban tempo reclamando unha nova ampliación. Onte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, anunciou que o seu departamento deu luz verde á segunda ampliación do polígono carballés. Se todo marcha segundo o previsto, en xuño o Instituto Galego de Vivenda e Solo licitará a redacción do proxecto sectorial, imprescindible para poder incrementar en 554.000 metros cadrados a actual superficie. Estes traballos administrativos continuarán até finais do 2022 cando na Xunta prevén iniciar a segunda fase da ampliación: a expropiación do 50 % dos terreos, tendo en conta que o restante 50 % xa se atopa a disposición de Medio Ambiente.

FONTE: La Voz de Galicia

Fecha publicacion: 
2021-05-07 09:45:00
Subir