As empresas poden solicitar solo industrial en réxime de dereito de superficie a custo cero durante os oito primeiros anos a partir do vindeiro luns. Así o anunciou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no encontro con empresarios que mantivo esta mañá no polígono industrial de A Reigosa en Ponte Caldelas (Pontevedra).
Así, coa convocatoria deste novo concurso público de venda e concesión de dereito de superficie, a Xunta cumpre o compromiso de facilitar solo empresarial gratuíto durante os primeiros oito anos con máis de medio millón de metros cadrados á disposición do tecido empresarial. En declaracións aos medios, Lorenzana destacou a aposta do Goberno galego por avanzar no desenvolvemento da nova estratexia de política industrial que busca facilitar a implantación de novas empresas na Comunidade ou ampliar as existentes a través de novos incentivos.
A titular de Economía e Industria explicou que a Administración autonómica licita, por primeira vez de xeito simultáneo, a posibilidade de adquirir solo empresarial e a concesión do dereito de superficie, polo que todas as parcelas poderán solicitarse en calquera dos dous réximes. No caso de apostar pola segunda fórmula, o solo empresarial será gratuíto durante os primeiros oito anos e, a partir do noveno, o canon anual a aboar sería do 3,5% do prezo de venda da parcela. Ademais, nos casos de adquisición de parcelas, a Xunta tamén promove unha bonificación do 30 ou do 50%.
Por outro lado, as novas bases que rexerán o concurso público de venda e concesión do dereito de superficie de parcelas de solo empresarial propiedade de Xestión do solo de Galicia Xestur S.A. inclúen outras novidades. Lorenzana lembrou que, ata o momento, a concesión de solo en dereito de superficie estaba limitado a supostos moi excepcionais e implicaba o aboamento durante os primeiros anos dunha porcentaxe do prazo completo de venda da parcela.
No caso de concorrer varias solicitudes sobre unha mesma parcela nun mesmo réxime (venda ou dereito de superficie), terán preferencia aqueles proxectos declarados previamente como empresariais singulares por Xestur ou os declarados polo Consello da Xunta como proxectos industriais estratéxicos, valorando así o interese e incidencia para o tecido industrial galego polo número de empregos creados ou o investimento mobilizado.
De igual modo, no caso de adquisición se primará a oferta maior sobre a menor, así como a quen sexa propietario dunha parcela colindante coa solicitada ou no mesmo parque empresarial, sempre que se xustifique a necesidade de ampliación dunha industria ou establecemento xa existentes no mesmo área. Por engadido, as novas bases darán prioridade a aquelas iniciativas que promovan a eficiencia enerxética a través do autoconsumo ou o uso de enerxías renovables, ou se comprometan a formar parte de comunidades enerxéticas.
Unha vintena de áreas empresariais
Deste xeito, o novo concurso público de venda e concesión do dereito de superficie das parcelas propiedade de Xestur porá á disposición do empresariado preto de 522.000 metros cadrados en case unha vintena de áreas empresariais da Comunidade galega. Unha cifra, adiantou a conselleira de Economía e Industria, que se verá incrementada nos próximos meses a medida que se vaian incorporando novos proxectos de desenvolvemento do solo impulsados desde a Administración galega.
Todo isto, concluíu Lorenzana, enmarcado na nova estratexia política industrial da Xunta orientada a impulsar novos sectores industriais estratéxicos, detectar e integrar novas cadeas de valor, promocionar a formación, a atracción de talento e o emprego de calidade; así como a mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización a través do Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais.
Fonte: Xunta de Galicia