Galicia conta xa cunha nova aceleradora para promover a proxección internacional da industria alimentaria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, destacou durante a presentación da primeira aceleradora alimentaria de Galicia, a Business Factory Food (BFFood), que o obxectivo deste novo proxecto é fomentar o emprendemento innovador nesta industria e fortalecer a súa proxección internacional.

 A iniciativa, impulsada pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, contará coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Ademais, importantes empresas tractoras deste sector xa amosaron o seu interese en participar neste proxecto que tamén contará co apoio doutras entidades e centros tecnolóxicos e de coñecemento. Trátase dunha iniciativa aberta a todos os axentes desta industria.

A BBFood vén sumarse ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta en sectores como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Ademais atópase integrada en StartIN Galicia, que aglutina aceleradoras e coworkings cos que se está apoiando o desenvolvemento de 900 proxectos emprendedores.

Fonte.- IGAPE

Fecha publicacion: 
2019-03-25 10:45:00
Subir