
En Galicia existe unicamente a Zona Franca de Vigo, un organismo en expansión con moi bos resultados. No caso de A Coruña, o Porto conta cun depósito franco, unha entidade coas mesmas vantaxes fiscais -exencións de aranceis e impostos para mercadorías en tránsito e almacenadas- pero dunha dimensión moito máis modesta.
A Deputación da Coruña, encargou agora dous informes para estudar a posibilidade de que a cidade e a súa área poidan contar tamén cunha zona franca, unha medida pensada para impulsar o sector industrial e fomentar as exportacións, que podería situarse no porto exterior ou no próximo polígono de Morás (Arteixo).
A patronal xa ofreceu todo o seu apoio á iniciativa e a Autoridade Portuaria mostrou tamén respaldo e o solo para materializar unha idea que, en todo caso, depende para a súa execución de que o Ministerio de Facenda dea o seu permiso.
Expertos entenden que o proxecto é viable e beneficioso para o tecido empresarial da urbe, xa que as zonas francas ofrecen un marco de actuación interesante e flexibilidade arancelaria.
Fonte.- La Voz de Galicia