
O Consello da Xunta declarou este xoves como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Hornos de Lamastelle no polígono industrial de Carballo para impulsar unha nova planta ecosaudable encamiñada á elaboración de produtos panificados. Unha iniciativa na que a empresa prevé investir 10 millóns de euros, contribuíndo deste xeito á creación de riqueza e á consolidación de emprego de calidade.
A proposta céntrase na construción dunha infraestrutura dotada con accesibilidade universal para a elaboración de produtos panificados de nova xeración, algo para o que resulta necesaria unha nova instalación que consolide e amplíe a capacidade de produción optimizando os procesos. Deste xeito, mellóranse as condicións laborais do cadro de persoal, garantindo tamén o emprego dos 100 traballadores, todos eles cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
A nova planta aspira tamén a diversificar a produción, o que permitirá ampliar a cota de mercado e aumentar vendas a través do canal Horeca. Así, unha das liñas de diversificación suporá a elaboración de produtos ecolóxicos e outros con indicativo de calidade como a tarta de Santiago con Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
Ler máis: El Coreo Gallego