
Unhas vinte empresas están interesadas en asentarse no futuro parque empresarial de Coristanco segundo o estudo de demanda promovido polo Concello, que onte foi presentado polo alcalde, Juan Carlos García, ao director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.
A demanda plantexada polos empresarios que solicitan solo ascende a 40.200 metros cadrados, polo que, nunha primeira fase, tanto a Xunta como o Concello concordan en que será necesario urbanizar unha área duns 60.000 metros.
Segundo informou o rexedor, entre os demandantes figuran cinco talleres e concesionarios de automóviles, que demandan 10.000 metros cadrados; catro comercializadores de patacas e froitas, que solicitan 5.000 metros; tres carpinterías metálicas que precisan doutros 5.000; cinco empresas de obras e construción que necesitan 7.200; outra de servizos forestais, que solicita 1.000 e unha de loxística (a única que non é de Coristanco) que demanda unha parcela de 10.000 metros.
Ademais, Juan Carlos García sinalou que o Concello tamén está interesado en dispor dunha parcela para construír unha nave que sirva de base para as brigadas de obras e a maquinaria municipal, “pois non dispoñemos de ningún espazo para esto”.
A acreditación da demanda era un dos requisitos establecidos polo IGVS para continuar coa tramitación do parque empresarial. Na xuntanza mantida este mércores polo director xeral e o alcalde acordaron realizar un estudo para estimar o prezo de venda que terían as parcelas urbanizadas dunha primeira fase. O obxectivo é atopar canais de colaboración que permitan fixar o prezo máis baixo posible para facilitar a implantación de empresas.
SEGUIR LENDO: El Correo Gallego