Ángeles Vázquez salienta o carácter pioneiro da futura Lei de áreas empresariais de Galicia, que xogará un papel clave para reactivar a economía

A Xunta salienta que a futura Lei de áreas empresariais, pioneira a nivel estatal e que hoxe iniciou a súa tramitación parlamentaria, achegará seguridade xurídica para captar investimentos e axilizar a implantación de tecido produtivo en Galicia.

Durante a presentación da lei no marco do debate de totalidade no Parlamento, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, cualificou esta normativa, pioneira a nivel estatal, como “clave nun momento no que necesitamos reactivar a economía, xerar emprego estable e de calidade e facer Galicia atractiva para que as empresas se implanten na Comunidade”.

Nesa liña, a Xunta considera fundamental este texto lexislativo porque permite unificar nun só texto un marco normativo ata agora disperso en diferentes leis; dispor de planificación de solo a longo prazo; facilitar a execución das áreas empresariais por fases, segundo a demanda existente; axilizar as modificacións na ordenación destas áreas, e reforzar a xestión e conservación destas zonas industriais.

Ademais, logo de agradecer as achegas do tecido durante a súa preparación, a conselleira detallou os obxectivos que busca esta nova regulación: axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo; garantir o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e o fomento da actividade económica, e adaptar a oferta de solo empresarial ás necesidades reais de Galicia.

Novos instrumentos de ordenación e execución

Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que esta norma é a primeira que permitirá crear reservas estratéxicas de solo. Esta novidosa figura ofrecerá, de forma más áxil e eficaz, reservas de solo capaces de acoller actuacións empresariais clave e imprescindibles para o desenvolvemento económico de Galicia. “O obxectivo é que as empresas se poidan implantar de forma rápida e sinxela porque non podemos deixar escapar oportunidades”, aseverou a conselleira.

A maiores, esta lei dará coherencia a todos os instrumentos de planificación de solo. Así, mantense o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) ¾un documento, que, na actualidade, recolle 117 parques en 95 concellos, que suman 46,3 millóns de m2¾ e créase o Plan estruturante de solo empresarial.

Este novo instrumento, que substitúe ao proxecto de interese autonómico, fixa os parámetros básicos de ordenación dunha área empresarial e permitirá reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización. Deste xeito, adáptase a planificación de solo ás necesidades reais evitando as constantes modificacións do plan sectorial e respondendo con rapidez e dinamismo ás demandas do tecido empresarial.

Tamén se introducen novidades nos instrumentos de execución coa definición de 5 ferramentas para o desenvolvemento do Plan estruturante: o proxecto de delimitación de fases de urbanización, o de desenvolvemento e urbanización, o de urbanización, o de parcelamento, e os estudos de detalle. Estes 5 documentos poderán tramitarse e aprobarse de xeito conxunto como anexos do plan estruturante, pero consideraranse de maneira independente para facilitar a súa modificación sen necesidade de iniciar de novo desde o principio todo o procedemento.

Para concluír, a conselleira puxo en valor a importancia que se lle dá na nova lei á xestión, mantemento e conservación dos parques empresariais coa creación de entidades, formadas por propietarios, para velar tanto polo bo estado das infraestruturas e servizos como pola súa actualización e modernización constante.

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2022-06-28 06:45:00
Subir