A xerente de Chan Empresarial do Atlántico (SEXA), Beatriz Sestayo, e o alcalde da Laracha, José Manuel Varela, reuníronse este xoves para continuar axilizando a tramitación da ampliación do polígono industrial, que ocupa unha superficie de 537.925 metros cadrados netos cunha ocupación do 80 por cento, e para a que se constatou unha importante demanda de chan de distintas tipoloxías.
A reunión, xunto con técnicos de SEXA e do Concello, desenvolveuse unha vez que se conta cos informes da Consellería de Industria e de Augas de Galicia, nos que a Xunta axilizou a tramitación, que afectan o plan da futura ampliación. A previsión inicial establece o desenvolvemento doutros 316.000 metros cadrados máis de chan para o polígono.
Tanto a xerente de SEXA como o alcalde destacaron o espírito de colaboración entre ambas as administracións e puxeron en valor os bos resultados do parque empresarial, que sumou a importantes empresas neste últimos tres anos.
De feito, nos primeiros meses de 2023 xa se reservaron outros 6.000 metros cadrados de terreo, por parte de dúas novas empresas, que serán adxudicados no Consello de Administración de finais de marzo.
Ademais, Chan Empresarial do Atlántico, xestora do polígono, e o Concello da Laracha destacan que o pasado ano aprobouse de forma conxunta a modificación de usos de preto de 40.000 metros cadrados para que poidan acoller tanto os terciarios como os industriais.
Actualmente, quedan dispoñibles parcelas que oscilan entre 1.200 e 21.000 m2, tanto de uso terciario, como mixto e industrial. Ademais, permítese a posibilidade de agrupar parcelas para adaptar así a oferta á diversa demanda existente.
Sestayo sinalou que o da Laracha é xa un referente empresarial e industrial en Galicia, con compañías como Inditex, Abelas Alexan, Esmorís, Unifersa ou Vicente Suárez S.L.
Para favorecer a atracción de novas empresas, ofrece bonificacións do IBI e até o 95 % do ICIO, impulsadas polo Concello.
Fonte: El Correo Gallego