Comeza a urbanización dos primeiros 500.000 metros da plataforma loxística PLISAN

Coas máquinas xa traballando sobre os 500.000 metros cadrados de chan que corresponden á primeira fase de urbanización da zona loxística e empresarial, David  Regades declarou esta mañá durante a súa visita ás obras que “a  PLISAN xa é por fin unha realidade porque hoxe empezamos a fase de urbanización do parque máis importante da Eurorrexión”. O Delegado coñeceu esta mañá de man dos técnicos e directores de obra cal é a programación dos traballos que corresponden a esta primeira fase de execución da denominada LLE, situada ao norte da actuación, e que foron adxudicados á UTE  Xac-Abeconsa-Lopez Cao en 8.861.128€ (IVE incluído) cun prazo de execución de 300 días naturais.

Como se explicou durante o percorrido, este proxecto contempla a urbanización dunha superficie de 536.548  m2 dos que 206.714 corresponden a parcelas de uso lucrativo e 65.860 a equipamentos. O resto corresponde a viarios, aparcadoiros, espazos libres e zonas verdes. Con estas obras de urbanización dotarase á área coñecida como LLE de 1.562 prazas de estacionamento público. O viario dá acceso á zona de equipamento e parcelas empresariais, o que cumpre  holgadamente todos os estándares de accesibilidade rodada e peonil e tamén se garante a accesibilidade peonil mediante unha senda ás zonas verdes adxacentes ao regacho  Gúmaro que atravesa a actuación de leste a oeste.   Regades valorou moi positivamente como un esforzo de integración na contorna que de feito, entre a senda e outras actuacións, máis dun 30% do investimento destínase a cuestións de integración ambiental e paisaxística.

Esta fase de urbanización desenvólvese a continuación da  explanación de todos os viarios da  PLISAN que se realizaron en 2009 e da construción do viario e redes de servizos de sistemas xerais realizadas o ano pasado. De forma simultánea a estas obras que acomete Zona Franca, o IGVS está a desenvolver os proxectos da estación potabilizadora de augas e captación no río Miño ( ETAP) e da estación depuradora das augas residuais das empresas (EDAR).

Como tamén se fixo público o ano pasado, as condicións de oferta para a venda do chan empresarial da plataforma serán competitivas e moi atractivas para os novos investimentos xa que, en concreto, os primeiros 100.000  m2 ofertaranse a un prezo de 50 euros o metro cadrado.

O Delegado tamén se interesou pola redacción do proxecto de  parcelación e proxecto da segunda fase da  PLISAN que se está redactando actualmente co que a oferta pública de venda ofrecerá nos próximos meses 59 parcelas desde 1.792  m2 ata 30.000  m2 de superficie, coa posibilidade de ser agregadas en superficies maiores para acoller grandes instalacións empresariais.

Fonte.- CZFV

Fecha publicacion: 
2019-02-27 09:30:00
Subir