A Xunta ofrece 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial a prezo bonificado

A Xunta porá a disposición das empresas galegas e estranxeiras interesadas en asentarse na rexión máis de 1,25 millóns de metros cadrados de solo empresarial con prezo de venta bonificado nun 50% ou nun 30%, dependendo da zona onde se empracen as parcelas. Así se recolle no informe presentado esta mañá ao Consello da Xunta con motivo da convocatoria por parte de Xestur do concurso para a venda de 929.422 metros cadrados de solo empresarial, aos que hai que sumar outros 322.285 metros de parcelas industriais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e dispoñibles para adxudicar.

Con estes novos incentivos, a Xunta dálle continuidade á política de bonificación de prezos do solo empresarial impulsada en 2015 a través do IGVS e da empresa pública Xestur Galicia. Na mesma liña, a partir do ano 2016 ofreceuse tamén a posibilidade de adxudicación de solo en forma de dereito de superficie, unha modalidade que lle permite ás empresas acceder a novas parcelas mediante o pago dun canon anual moi reducido por metro cadrado.

O resultado de ambas medidas foi a reactivación das adxudicacións de solo empresarial nos parques dependentes da Xunta de Galicia, cun balance de máis de 1,45 millóns de metros cadrados asignados entre os anos 2015 e 2018, dos cales 1,3 millóns foron adxudicados en réxime de compravenda e 148.815 en dereito de superficie.

Así mesmo, as bonificacións ás operacións de compravenda realizadas durante os tres últimos anos ascenden ata os 46,59 millóns de euros, mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie supera os 13,6 millóns de euros. Deste xeito, a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas galegas pola vía do estímulo á adquisición de solo traduciuse nuns 60 millóns de euros no período que vai de 2015 a 2018.

Esta política de bonificacións e acceso ao solo en dereito de superficie permitiu nos últimos tres anos o fomento da actividade empresarial e a creación de riqueza e postos de traballo, ao tempo que incentivou ás empresas a asentarse en espazos especificamente creados para elas ou a trasladarse desde emprazamentos pouco axeitados para a súa actividade.

Así, o investimento estimado que realizarán as empresas adxudicatarias de solo bonificado ou en dereito de superficie propiedade da Xunta ascende a máis de 375 millóns de euros e grazas a el, calcúlase que se posibilitará a creación de máis de 6.100 postos de traballo.

Información específica sobre o concurso de venda de Xestur

Polo que respecta ás previsións para este ano, o consello de administración da empresa pública Xestur vén de aprobar un novo concurso público para a venta bonificada dun total de 929.422 metros cadrados de solo empresarial repartidos entre as catro provincias galegas. A partires do 15 de febreiro e durante un mes, as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas co fin de adquirir algunha das parcelas propiedade de Xestur emprazadas nos seguintes parques empresariais:

  • A Sionlla (Santiago de Compostela)
  • Negreira
  • Arzúa
  • Bértoa (Carballo)
  • Cedeira
  • Ortigueira
  • Cervo
  • As Gándaras (Lugo)
  • Guitiriz
  • Viveiro
  • Central de Transportes de San Cibrao das Viñas
  • Vilamarín
  • Pereiro de Aguiar
  • A Veigadaña (Mos)
  • A Reigosa (Ponte Caldelas)
  • Lalín
  • Silleda

Unha vez resolto o concurso público de venta, as parcelas que non sexan adxudicadas por falta de licitadores poderán ser asignadas a quen as solicite mediante adxudicación directa e en todo caso, polo mesmo prezo que rexeu durante o concurso.

Información sobre a oferta de solo propiedade do IGVS

A maiores, cómpre lembrar que tamén o Instituto Galego da Vivenda e Solo dispón de 322.285 metros cadrados de solo empresarial susceptibles de ser adxudicados en calquera momento en réxime de compravenda bonificada ou en dereito de superficie, e nas mesmas condicións e prezos fixados no concurso que fora convocado en 2015.

A oferta do IGVS céntrase en 15 parques empresariais: As Somozas, Melide e Pontedeume, na provincia da Coruña; Bóveda, Lourenzá, Porto Seco de Monforte, Monterroso e Xermade, na de Lugo; O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Central de Transportes de San Cibrao das Viñas, en Ourense; e Central de Transportes de Ponte Caldelas, localizada na provincia de Pontevedra. En todos eles a bonificación a aplicar sobre o prezo de venta das parcelas será do 50%, a excepción do parque empresarial de Melide e da Central de Transportes de Ponte Caldelas, nos que esta porcentaxe situarase no 30%.

En conxunto, o solo empresarial propiedade tanto do Instituto Galego de Vivenda e Solo como de Xestur dispoñible para a súa adxudicación en réxime de compravenda ou en dereito de superficie suma un total de máis de 1,25 millóns de metros cadrados.

Por outra parte, cómpre engadir que ao longo de 2019 está prevista a convocatoria do concurso de venda da primeira fase do parque empresarial de Morás (Arteixo), cunha superficie total de 133.765 metros cadrados. E máis alá do solo propiedade da Xunta, este ano iniciarase tamén a comercialización de 400.000 metros cadrados de solo na PLISAN, promovida polo IGVS, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo.

Por último, tamén está en desenvolvemento a ampliación do polígono industrial de Xinzo de Limia, actualmente en fase de expropiación dos terreos e que permitirá a medio prazo, unha vez acometidas as obras de urbanización, dispoñer de 86.000 metros cadrados máis neste parque.

Fonte.- Xestur

Fecha publicacion: 
2019-02-14 09:15:00
Subir