O libro que cuestiona a imaxen de Galicia como deserto industrial: “Hai un alto valor tecnolóxico, pero non se coñece”

A tese é que Galicia traizoa os estereotipos, en especial os que a representan como rural e fundamentalmente agraria. O profesor de filosofía e ensaísta Antón Baamonde e o empresario Daniel Hermosilla asinan un libro de conversacións co título Galicia, distrito industrial (Editorial Galaxia, 2024) no que presentan unha cartografía de empresas, case todas elas con trazos de innovación e alta tecnoloxía, coa que esperan deixar demostradas as súas observacións: Galicia é industrial, o desenvolvemento das últimas décadas deulle un posto avantaxado na crecente automatización e a creación de produtos sofisticados e, se esta idea non está instalada no imaxinario común, é porque non se lle presta atención. Hermosilla asegura no texto que nas iniciativas galegas hai un alto valor tecnolóxico pero que isto “non se coñece”.

O ton é optimista e proxectado cara ao futuro, así que os dous autores deixan claro rápido, en conversación con este xornal, que non queren dicir que non haxa problemas nun país no que, segundo a Enquisa de condicións de vida máis recente do Instituto Nacional de Estatística (INE), un de cada catro galegos está en risco de pobreza, no que o PIB per cápita continúa por baixo da media europea e española e no que o índice de produción industrial rexistra altibaixos. “Non é o país das marabillas”, di Hermosilla, director executivo de Rodiñas, unha empresa dedicada aos prefabricados de formigón.

Ler máis: El Diario

Fecha publicacion: 
2024-03-02 12:30:00
Subir