
A Xunta de Galicia investirá preto de 250.000 euros na redacción do plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Fragamoreira (Poio), que será o instrumento de ordenación que permitirá definir e planificar a creación desta área industrial.
Con este obxectivo, a empresa pública Xestur licitou esta semana o contrato -publicado na plataforma de contratos públicos de Galicia- para o que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de febreiro.
O futuro polígono de Fragamoreira está previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), que foi aprobado definitivamente polo Goberno galego no pasado mes de decembro.
O parque empresarial disporá dunha superficie bruta de preto de 390.000 metros cadrados. Deles, a Xunta é propietaria de máis de 73.000 metros cadrados (preto do 20% dos terreos incluídos na planificación) que foron adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Xestur por importe de máis de 2,5 millóns de euros.
Fonte: Xunta de Galicia