A Xunta adxudica por 350.000 euros a redacción dos plans de ampliación dos parques empresariais da Sionlla, en Santiago, e de Toedo, na Estrada

A Xunta de Galicia adxudicou por algo máis de 350.000 euros a redacción dos plans estruturantes de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a ampliación dos parques empresariais da Sionlla, en Santiago de Compostela, e de Toedo, na Estrada.

O contrato para a elaboración do plan de ampliación do parque santiagués, autorizado hoxe no consello de administración da empresa pública Xestur, conta cun orzamento de algo máis de 196.000 euros. A finalidade é ordenar unha superficie de máis de 410.000 metros cadrados, emprazada fronte ao actual parque empresarial pero á outra beira da AP-9. De feito, o parque está limitado tanto pola propia autopista como pola autovía ao aeroporto e a estrada orbital, que está en proceso de construción.

En canto ao parque de Toedo, a redacción do plan para a súa ampliación adxudicouse por 154.000 euros. A ampliación emprazarase fronte aos terreos actuais, ao outro lado da PO-841, e ocupará unha superficie de máis de 91.000 metros cadrados.

O consello de administración de Xestur tamén adxudicou a redacción do proxecto de desenvolvemento, urbanización e conexións exteriores da primeira fase do parque empresarial de Coristanco por importe de algo máis de 78.000 euros.  

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2023-11-15 11:00:00
Subir