
A Xunta de Galicia adxudicou esta semana 5 parcelas de solo empresarial, que suman unha superficie total de 23.343 metros cadrados, nos parques empresariais de Arteixo e Santiago de Compostela.
O importe de adxudicación destes terreos, asignados pola comisión executiva de Xestur en réxime de compravenda, ascende a un total de 2.251.947 euros, despois de aplicar bonificacións sobre o prezo de compra por un importe de 965.120,7 euros.
Concretamente, no parque de Morás, localizado en Arteixo, adxudicáronse 2 parcelas cunha superficie de 16.133 metros cadrados e un prezo de venda de 1.465.217 euros, descontada xa a bonificación de 627.950,70 euros, equivalente ao 30% do importe.
As dúas empresas adxudicatarias de solo no polígono de Morás destinarán os terreos adquiridos a unha estación de servizo e zona comercial, nun dos casos, e á prestación de servizos de formación, asesoramento e servizos a empresas e traballadores no outro.
No que respecta ao parque empresarial compostelán da Sionlla, Xestur adxudicou outras 3 parcelas a 2 empresas pertencentes aos sectores do transporte e o comercio de froitas e hortalizas.
A superficie total adxudicada neste caso é de 7.210 metros cadrados e o prezo de adxudicación total foi de 786.730 euros, despois de descontar a bonificación aplicada do 30%, por importe de 337.170 euros.
Fonte: Xunta de Galicia