
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou hoxe urxente “desatascar” os fondos europeos Next Generation para que Galicia teña a oportunidade deimpulsar e renovar o tecido produtivo da comunidade. Así o defendeu nun encontro en Vigo coa Confederación de Empresarios de Pontevedra.
Na súa intervención, Rueda lamentou que, mentres noutros países europeos están acelerando a distribución destes fondos, o Goberno de España continúa “sen movelos”, cando incidiu en que son necesarios para proxectos transformadores que se presentaron desde Galicia, en referencia ao de Stellantis para a fábrica de Vigo; o de Altri, en Palas de Rei; a planta de biofertilizantes en Meirama (Cerceda); ou o data center.
O presidente da Xunta alertou das “incertezas” que ao tecido produtivo galego lle provoca esta situación, ao igual que a falta de información por parte do Goberno central fondos Next Generation; ou o descoñecemento de como se vai desenvolver a nova planificación eléctrica para atender as necesidades dos novos proxectos dos que se está pendente en Galicia.
Por estes motivos —e aínda que advertiu que “van vir tarde”—insistiu na necesidade de concreción do Goberno central das partidas dos fondos Next Generation para a Comunidade, ao igual que nos proxectos aos que irán dirixidos e remarcou en que esta resolución e axilidade dos fondos europeos debe de ser dun xeito “satisfactorio” para Galicia.
Impulso ao Corredor Atlántico do Noroeste
Rueda tamén reprobou o desleixo do Goberno central co impulso ao Corredor Atlántico do Noroeste e que considerou imprescindible para Galicia e a súa competitividade. Por iso, volveu insistir na urxencia dunha reunión co Comisionado e que se eleven a 8.000 millóns de euros os investimentos para esta infraestrutura, xa que insistiu en que os 1.130 millóns de euros anunciados “non son suficientes” para levar a cabo as actuacións necesarias.
Ao final da súa intervención, o presidente da Xunta considerou vital para o crecemento económico a seguridade xurídica e estabilidade que, segundo aseverou, se dan en Galicia. Nesta liña, puxo en valor a protección da actividade económica compatible co respecto ao medio ambiente que suporá a futura Lei do litoral, que cualificou de “moi boa” para a comunidade, xa que garantiu que dá seguridade xurídica a centos de instalacións presentes nas costas galegas e que, segundo alertou, estaban “ameazadas” pola lei estatal.
Rueda enmarcou estas actuacións da Xunta dentro do deber de todas as administracións de facilitarlles a empresas e industrias a posta en marcha, consolidación ou crecemento das súas iniciativas para xerar emprego e riqueza.
Fonte: Xunta de Galicia