
A Xunta de Galicia informa da resolución das axudas para a mellora de parques empresariais que chegarán a un total de 10 concellos da provincia da Coruña, todos eles Concellos Emprendedores. Son 11 proxectos nos que se investirán preto de 900.000 euros.
As axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto -podían presentarse dúas solicitudes por concello-, están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.
Esta liña complementa as medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.
Ver listaxe de beneficiarios: Xunta de Galicia