Rueda destaca o apoio da Xunta a través do solo industrial para que Estrella Galicia constrúa unha das fábricas de cervexa máis grandes de Europa en Arteixo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o apoio do Goberno galego á empresa Hijos de Rivera para construír unha das fábricas de cervexa máis grandes de Europa en Arteixo a través de medidas para facilitar o acceso a solo industrial. Durante unha visita ao parque empresarial de Morás no que vai instalarse a nova planta de Estrella Galicia, Rueda subliñou que “a obriga das Administracións é dar facilidades” ás empresas que queren expandirse ou instalarse en Galicia e máis nun contexto como o actual de alta “competitividade” pola captación de investimentos. De feito, o Goberno galego inclúe unha partida de 35,4 M€ nos orzamentos do vindeiro ano para políticas de solo industrial.

Ademais, a Xunta busca atraer investimentos a través de figuras legais como a iniciativa empresarial prioritaria e o proxecto industrial estratéxico —que ao abeiro da Lei de simplificación administrativa permiten reducir á metade os prazos para poñer en marcha unha iniciativa— ou a Lei de áreas empresariais de Galicia, unha norma pioneira en España que se aprobou o pasado mes de setembro e que busca axilizar, simplificar e flexibilizar a creación de solo industrial.

Durante a visita, na que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o presidente da Xunta destacou a importancia do polígono de Morás, no que o Goberno galego inviste máis de 105 M€ e lembrou que o luns se licitarán as actuacións da fase C deste parque empresarial, que contarán cun orzamento de 4,8 M€.

Case o 70% da superficie neta dispoñible no parque empresarial de Morás xa está adxudicada e entre os proxectos estratéxicos que se van poñer en marcha está a nova planta de Estrella Galicia. A cervexeira adquiriu máis de 466.000 metros cadrados de parcelas neste parque para levar a cabo este proxecto no que vai investir 400 M€.

Rueda agradeceu á dirección desta empresa que aposte por expandir o seu negocio na Comunidade. “A Xunta sempre será unha aliada das empresas que crean riqueza e contribúen a facer marca Galicia como é o caso de Estrella Galicia”, indicou Rueda, quen subliñou tamén que se trate dunha empresa familiar en constante expansión. “As empresas familiares son moi importantes na nosa economía”, destacou.

Fonte: Xunta de Galicia

Estrella Galicia invertirá 400 millones en la fábrica de Morás, en Arteixo. La Voz de Galicia

Estrella Galicia invierte 400 millones para triplicar su producción en España. Expansión

Estrella Galicia inicia una de las mayores plantas de cerveza de Europa para dar un “salto” exportador. La Opinión

La nueva fábrica de Estrella Galicia generará 325 empleos. Atlántico diario

Estrella Galicia invertirá 400 millones para poner a andar su segunda fábrica. Diario de Pontevedra

Fecha publicacion: 
2022-11-04 12:00:00
Subir