O Concello de A Laracha e Suelo Empresarial del Atlántico conversan sobre o futuro do parque empresarial

O alcalde da Laracha, recibiu na Casa do Concello á nova xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). A reunión foi convocada cos propósitos de manter a primeira toma de contacto tralo cambio de xerencia en SEA, analizar a situación actual do polígono industrial larachés e comezar a planificar o futuro desta infraestrutura a medio e longo prazo.

Nestes momentos, o d’A Laracha é un dos parques empresariais con maior potencial de desenvolvemento da provincia da Coruña. Presenta unha ocupación que acada o setenta por cento do total do terreo industrial que saíra á venda, albergando a actividade de empresas de primeira orde mundial en diferentes sectores.

En canto ao solo dispoñible, varias sociedades están a amosar interese por investir e implantarse no ámbito do parque empresarial. Precisamente o alcalde e os representantes de SEA, aproveitando a súa presenza na Laracha, mantiveron un encontro co responsable dunha delas. Polo tanto, estímase que o solo industrial dispoñible será insuficiente a medio ou longo prazo para atender a futura demanda.

É por iso que o alcalde e os representantes de SEA acordaron estudar a viabilidade dunha futura ampliación do parque, máis aínda tendo en conta a previsión de incremento da actividade no porto exterior de Punta Langosteira, próximo á Laracha.

Fonte.- SEA

Fecha publicacion: 
2019-04-16 07:30:00
Subir