Respaldo autonómico a tres áreas industriais do Barbanza

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo Romero, visitaron este xoves o polígono de Ventín, en Serres, no que se investirán máis de 70.000 euros, cun apoio da Xunta de Galicia de máis de 56.000 euros, para levar a cabo a construción dun colector de saneamento que conecte as augas procedentes do parque empresarial coa rede municipal de Muros.

Durante a visita, o representante do Goberno galego informou que o executivo autonómico apoiará, este ano, a tres polígonos industriais da comarca do Barbanza cun investimento de máis de 217.000 euros para a mellora das súas infraestruturas o que favorecerá un investimento total nesta área de máis de 270.000 euros en colaboración cos diferentes concellos.

Gonzalo Trenor destacou que a través destes apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais de Muros, en Ventín-Serres, para a mellora das súas infraestruturas de saneamento cun investimento total de 70.000 euros; no parque empresarial de Espiñeira, en Boiro, se investirán máis de 80.000 euros para acondicionar unha zona de descanso e de aparcamento e no polígono industrial de Xarás, en Ribeira, investiranse 120.000 euros na mellora das instalacións de pretratamento das augas residuais.

Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25 % da axuda concedida.

Con esta orde de axudas, a Administración galega aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade, así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da comunidade.

Fonte: El Correo Gallego

Fecha publicacion: 
2022-07-08 09:00:00
Subir