
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha nova liña específica de axudas co obxectivo de reforzar a actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade das pequenas e medianas empresas galegas. Dotada con 2,5 millóns de euros, a iniciativa ten como obxectivo mellorar a fortaleza das agrupacións empresariais innovadoras e consolidadas para que sigan mobilizando recursos e proxectos, e reforcen o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.
Mmediante este programa os clústeres poñerán en marcha tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros.
Deste xeito, as axudas pretenden consolidar as agrupacións empresariais como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, especialmente ás pemes, ademais de reforzar o seu papel dinamizador da actividade económica de Galicia.
Fonte.- IGAPE