
A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá en Curtis as obras de mellora do polígono industrial de Teixeiro que recibiron unha axuda da Xunta de preto de 112.000 euros.
O proxecto, cun investimento total de máis de 150.000 euros, consistiu na actuación sobre as infraestruturas viarias, tanto coa reposición do pavimento como con sinalización viaria. Unha actuación que contribuirá a modernizar as instalacións e ofrecer un mellor servizo aos seus usuarios.
A iniciativa realizada en Curtis responde ao compromiso da Xunta co impulso dos polígonos empresariais galegos para dotalos de infraestruturas e servizos adecuados que favorezan a actividade das empresas asentadas e das que buscan instalarse, así como mellorar a competitividade do tecido empresarial. Este compromiso traduciuse, en 2021, nun investimento de 5,46 millóns de euros para apoiar 55 proxectos de mellora de infraestruturas, implantación de catro viveiros industriais e catro proxectos de redes de distribución.
Tal e como explicou a directora, as axudas terán continuidade en 2022. Así, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación xa activou un total de oito millóns de euros para estas liñas ás que este ano se suma unha convocatoria específica para a instalación de servizos de subministración de gas e hidróxeno.
Fonte: Xunta de Galicia