
Por unanimidade do catro grupos que compoñen a Corporación municipal compostelá, o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnológicas, que promove Sionlla Biotech, xa é de Interese Municipal, o que facilitará a cesión dos terreos para iniciar a construción do novo edificio. Este trámite, segundo sinalara o alcalde a este xornal, atopábase co escollo de que o terreo era dotacional público, e non era fácil xestionar a súa cesión directa a mans privadas.
Aínda que o centro de novas tecnoloxías conta co apoio das administracións autonómica e local, a realidade é que se trata dun proxecto de iniciativa privada nun 80 %, e a transmisión de propiedades dunha administración pública a entidades empresariais tiña un difícil encaixe legal, xa que o procedemento habitual é un concurso aberto.
Agora, coa declaración, pódese formalizar a cesión dos terreos e iniciar a construción das instalacións que, para que poidan recibir os Fondos Europeos asignados terán que estar finalizadas no verán de 2022. De aí reclamación das asociacións empresariais que a promoven a través de Sionlla Biotech de que o trámite se efectuase canto antes. O 20 % restante corresponde ao Concello a través da empresa Uninova, da que forma parte tamén a Universidade de Santiago. Precisamente, o mes pasado o Concello, que até ese momento só tiña o 49 % das accións da mesma, adquiriu até o 80 %, co obxectivo de impulsar a través dela a súa participación no Biopolo.
Desta forma, as previsións son que a próxima semana a parcela pase a ser de titularidade de Uninova, o que simplificará a cuestión. Pero aínda quedará pendente a presentación do estudo, o que se espera que Sionlla Biotech formalice na próxima semana.
Con todo, durante estes meses de demora xa se foron realizando traballos na parcela, situada nas proximidades de onde se está construíndo a ligazón orbital, tanto por parte da Asociación Área Empresarial do Tambre, onde o Concello, que no seu momento xa solicitou ás empresas que estaban a realizar escavacións na Sionlla para construír as súas naves, que depositasen a terra procedente dos desmontes nesta parcela, co fin de nivelar o terreo e ter todo listo para a construción. Como explicaba o alcalde no pleno, o chan está sete metros por baixo da rasante.
O principal obxectivo deste centro de tecnoloxías avanzadas é promover a reindustrialización de Santiago e evitar o actual excesivo peso que o sector turístico ten na estrutura económica da cidade, favorecendo o asentamento de novas empresas, que ademais, polas súas características innovadoras, achegarán un importante valor engadido. Neste sentido, cabe destacar que Sionlla Biotech ofrecerá espazos colaborativos para aproveichar todas as sinergías que se poden xerar nos campos da biomedicina e da madeira, nos que se especializará. O proxecto inclúe a construción de vinte e dous laboratorios modulares e áreas comúns de reunión profesional. O pleno desenvolvemento do polígono da Sionlla prevese que podería supor a creación de tres mil novos postos de traballo na cidade.
FONTE: El Correo Gallego