
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o alcalde de Arteixo asinaron un convenio de colaboración para reforzar o sistema de abastecemento ao municipio e ao polígono de Moras. Trátase de executar a mellora do abastecemento municipal desde a rede existente, no contorno do polígono do Vío, que se abastece do encoro de Cecebre, para o que se prevé a execución dun bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto. Segundo recolle o mesmo, o Concello de Arteixo financiará as actuacións, que suporán un investimento de 4,1 millóns de euros, correspondendo ao organismo hidráulico da Xunta a supervisión do proxecto e execución das obras. Unha vez executadas o Concello asumirá a súa posta en servizo, mantemento e conservación.
Para facer efectivo este reforzo do abastecemento as obras prevén a construción dunha condución de máis de 5.000 metros desde o depósito de Vío Alto ata o polígono de Morás. Contará con 2 puntos de subministración directa ao sistema de abastecemento municipal, en Vilarrodís e á altura de Sabón, para garantir auga aos núcleos de poboación, aos veciños. E, tamén en Sabón, terá unha conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás, para garantir auga para as actividades industriais e as empresas que alí se instalen.
Fonte: Xunta de Galicia