
A Xunta continúa avanzando nos traballos previos para poder levar a cabo a ampliación do polígono empresarial do Corgo (Lugo). Así llo trasladou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde do municipio Felipe Labrada, con quen mantivo unha videoconferencia para analizar o estado actual do proxecto e os próximos pasos a seguir.
Neste sentido e en resposta ao interese amosado polo rexedor, Vázquez Mejuto informouno de que a redacción do proxecto sectorial e o documento ambiental necesarios para poder acometer a ampliación xa están contratados e que a súa aprobación se producirá o próximo ano. Ao respecto, subliñou que o investimento previsto en 2021 por Xestur nesta ampliación ascende a 200.000 euros, que se destinarán a traballos técnicos.
En canto ás futuras obras de urbanización, cun custo estimado por parte da Xunta de tres millóns de euros, a conselleira de Medio Ambiente tamén lle adiantou ao alcalde que está previsto licitalas no terceiro trimestre de 2022.
Cómpre lembrar que a ampliación deste parque –promovido por Xestur a partir dun protocolo asinado en 2002 entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello- está incluída no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. A superficie útil da ampliación será de 95.000 metros cadrados divididos en 35 parcelas, o que suporá duplicar as dimensións actuais do polígono (92.284 metros cadrados).
Aínda que algún dos traballos e estudos previos á ampliación xa foron executados –sobre todo, cuestións de carácter técnico-, o groso do investimento previsto mobilizarase no período 2021-2023.
O ámbito no que se prevé desenvolver correspóndese co solo urbanizable pegado ao actual polígono, no que todas as parcelas están xa vendidas. Parte dos terreos nos que se asentaría a ampliación son de titularidade pública –pertencentes a Xestur ou ao Concello- e o resto, de propietarios particulares, polo que tamén haberá que adquirir este solo.
FUENTE: Xunta de Galicia